26.5.11

Clásicos que desaparecen

Os contos clásicos son historias que se van transmitindo de xeración en xeración. Teñen unha forma que os fai propicios para seren comprendidos en calquera dos seus niveis de lectura por calquera oínte. A súa forma tradicional de transmisión é oral e é precisamente neste formato no que máis se disfrutan: nenos e maiores estamos sempre dispostos a escoitar un conto.
O seu valor, o que din, mantense constante e intacto durante séculos o que nos indica a súa intemporalidade: falan de problemas universais, de medos universais, de conductas universais. E ofrecen modos de resolver.

Pais e mestres somos conscientes do seu valor educativo e mantémolos nas coleccións das nosas bibliotecas (escolares ou familiares) e nos relatos que escollemos contar ós nenos e nenas.
Nos últimos anos asistimos á moda de cambialos, limalos, amputarlles aquelas partes que nos parecían máis delicadas... co que comezamos a ofrecer versións que, se ben eran estéticamente agradables, perderan todo o seu valor educativo. A este fenómeno contribuiron as grandes produccións cinematográficas de animación que chegaron a ofrecer versións escasamente relacionadas coa historia orixinal.
Para familias e educadores que queirades afondar máis na simboloxía univerasl destes contos, é de imprescindible lectura o libro de Bruno Bettelheim Psicoanálisis de los cuentos de hadas.

No vindeiro curso este será o noso tema para o traballo colectivo e, preparando os materiais, comezamos a facernos con versións de calidade.
Descubrimos, deste xeito que ese magnífico exemplar do que vos ofrecemos a imaxe, que no seu día foi editado por Ed. Xerais xunto con outros dous volumes adicados a Perrault e ós Grimm...¡ven de ser descatalogado pola editorial!
Un paso máis na desaparición do mercado de libros de calidade e en galego.
Neste momento non hai nada máis no mercado que a aportación de Kalandraka
Sobre este asunto, que nos parece da máxima importancia, reflexionaremos nunha vindeira entrada.
De momento, e se apurades, se cadra aínda podedes conseguir algun exemplar dos volumes que vimos de comentar que, ademáis, teñen a particilaridade de seren versións orixinais. Nós xa as temos.

No hay comentarios: