No marco dos X Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia e na praia de Carril, o pasado sábado tivo lugar a presentación do libro Tamén navegar editado por Toxosoutos coa financiación do Programa Europeo Fishernet.
Trátase dunha antoloxía na que aparecen sesenta e sete autores da literatura galega de tódolos tempos que nos seus poemas fixeron alusión á carpintería de ribeira e ás embarcacións, manifestacións ambas da cultura mariñeira galega.
A escolma levouna a cabo Francisco Fernández Naval e recolleu douscentos poemas dos cales na presente obra aparecen cento dez, o que nos convida a pensar que, en podendo, haberá unha segunda parte.
Nos poemas, ás veces as embarcacións navegan entre os versos deixando tras de si un ronsel de emocións e outras destaca o valor simbólico que o poeta lle confire.
Desde os poetas medievais ate os máis actuais, os barcos tradicionais e a súa construcción están presentes ofrecendo unha ampla referencia plural e rica en matices.
Foi unha experiencia singular e inesquecible escoitar as voces poéticas destes creadores no marco dun solpor fermoso na praia de Carril.
Deixovos tamén o video de Malena coa declamación de Anxo Angueira, para que participedes da emoción do acto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario