23.3.09

Sobre amor e morte




Pablo Albo e Miguel Ángel Díez, preséntannos da man de OQO editora este libro fermoso.
Humildemente fermoso.
Hai que abrilo e comezar a ler. É entón cando nos descubre todo o seu brillo, todo o seu calor. Si, calor para a alma. Os nenos e nenas tamén teñen contacto coa morte, e é preciso que a literatura infantil trate este tema, que tamén forma parte da vida e do universo infantil.
Coñeciamos outros exemplo. Escasos, todo hai que dicilo. Pero este último canto, estamos seguras que se convetirá nun clásico.
Ten ben escollida ate a tipografía.
Felicitamos á editorial por telo incluídos nesta colección e felicitámonos nós por ter literartura de calidade para abordar estes temas que, por algunha razón, teñen algo de tabú.

10.3.09

Adiviñas monstruosas





¡Adiviñen, meus señores!
¡Respondan a esta pregunta!
¿Cal é a cousiña cousa
que che vai pór
os pelos de punta?
¡Adiviñas monstruosas!
¡Aúuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuu!


De novo Gloria Sánchez cargada de humor e poesía para os máis pequenos. Esta vez cunha colección de monstruos domésticos: a man negra, o home do saco, o cocón... bruxas, vampiros, piratas.... e todo o desfile de seres que dan medo.

Os medos dos nenos e nenas tratados, coma decote, con maestría e respecto ós pequenos.

Grazas, Gloria.

O libro está editado por Rodeira na colección Tucán Azul. Xa é do 2006, pero nós vimos de incorporalo.

9.3.09

A cousa que máis doe do mundo


Hoxe quero falarvos dun libro que non é novidade, pero, tal vez non coñezades aínda.
Un libro que hai que ter lido para que, depende que situacións, non te collan por sorpresa.
Trátase dese que vedes na ilustración e está editado por OQO no ano 2005. Está escrito, (¡E como!) por Paco Liván.

É un deses contos cun texto de encoller e estirar: depende quen o lea, a idade, as súas experiencias... estará a ler un conto distinto.

É unha fábula, claro: unha historia de animais. E... bueno, ía eu dicir algo do final... pero non o direi.
Só vos direi que é un libro deses que quedan para sempre na memoria do lector.
Marabillosas ilustracións de Roger Olmos.
(Non vos perdades a fabulosa páxina deste último)

8.3.09

Tódolos contos ó caixon



¡Que fermosura!

Acabamos de incorporar o novo traballo do grupo Mamá Cabra a partires duns poemas de Susa Herrera.

Cancións de nenos e para nenos. Feitas con respecto.

O libro contén os poemas e un cd, que as nosas profes xa están usando.

Non andamos mi sobrados de materiais que reúnan calidade musical e literaria en galego. Materiais que respondan á necesidade infantil universal de CANTAR.

Mamá Cabra é un grupo que xa ten feito outras aportacións á música infantil galega. Se queres saber máis sobre eles, preme AQUÍ.

Dispoñemos dous exemplares. ¡Xa podes escoitalos!


Deixámosche unha mostriña do traballo de Mamá Cabra: